Ferido un ciclista nun atropelo en Montalvo
Por Redacción
Un ciclista resultou ferido na mañá deste venres tras sufrir un atropelo cando circulaba pola estrada PO-308 ao seu paso por Montalvo, no termo municipal de Sanxenxo.
Segundo informou a Garda Civil, o atropelo rexistrouse sobre as 11.10 horas á altura do punto quilométrico 21,500, nunha zona cualificada como ruta ciclista protexida, que ten especial atención e vixilancia.
O ciclista resultou ferido leve tras ser arroiado por un turismo no que circulaban nese momento catro persoas. Os catro ocupantes resultaron ilesos e a persoa que conducía deu resultado negativo ás probas de detección de consumo de alcol e drogas que se realizan a todo condutor implicado nun accidente.
Segundo indicou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, foi o 061 o que lles alertou do accidente, rexistrado á altura de Aluminios Montalvo, e eles deron aviso á Garda Civil de Tráfico, os bombeiros de Ribadumia e e o Grupo de Emerxencias Supramunicpal de Sanxenxo. Os bombeiros finalmente non tiveron que intervir.