A axenda do PSOE recala nun acto político en Pontevedra e outro de confraternidade en Cuntis
Por Redacción
A axenda do PSdeG e do PSOE deste sábado estivo marcada por dúas citas en Pontevedra e na comarca de Umia, cun acto político na Casa das Campás pontevedresa pola mañá e o xantar dos socialistas de Cuntis ao mediodía.
Pola mañá, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o voceiro do PSOE e alcalde de Valladolid, Óscar Puente, protagonizaron un acto na Casa das Campás no que tamén participaron a secretaria local do partido na cidade e subdelegada do Goberno na provincia, Maica Larriba, e a vicesecretaria xeral do PSOE na provincia de Pontevedra, Paula Fernández. Estaba confirmada a presencia do secretario provincial, David Regades, pero finalmente non acudiu á cita.
Os políticos participaron previamente nun paseo pola cidade en compañía de cargos locais e estatais do partido como o voceiro local do partido, Tino Fernández ou o deputado no Congreso Guillermo Meijón e a continuación estiveron arroupados na Casa das Campás por simpatizantes e militantes socialistas que encheron todas as cadeiras dispoñibles.
Caballero e Puente puxeron en valor os avances do "goberno de progreso" que encabeza Pedro Sánchez, pois "está devolvendo o aire fresco a este país" e defenderon que o "motivo político" do actual executivo é "gobernar para eliminar as desigualdades" e "que ninguén quede na cuneta".
O voceiro da Executiva Federal do PSOE, Óscar Puente, aproveitou para insistir en que "no habrá adelanto electoral" porque "el Gobierno va a cambiar este país" e seguir desenvolvendo "la agenda del cambio" que está poñendo en marcha. Nese senso, afirmou que aqueles que non permitan esta vía e "fuercen al gobierno a unas elecciones" está seguro de que "lo pagarán en las urnas".
"Nosotros subimos en las encuestas porque estamos haciendo lo que los españoles esperaban de nosotros", defendeu en alusión á última enquisa do CIS desta mesma semana, que concluia que o PSOE se dispara tras a moción de censura.
Puente tamén destacou que o Goberno de Sánchez supón "un movimiento de cambio femenino y feminista, social y ecologista" cunha "política humanitaria, seria y rigurosa" que aborda a inmigración dunha forma moi diferente ao novo líder do PP, Pablo Casado. Precisamente, a Casado recordoulle que os políticos "no podemos enfrentar a los españoles con los inmigrantes".
Os socialistas tamén se referiron ao goberno autonómico do PP de Alberto Núñez Feijóo. Respecto del, Paula Fernández Pena amosou o seu convencemento de que o presidente autonómico terá na vindeira cita coas urnas "motivos para chorar".
Xa ao mediodía, todos se dirixiron ata o xantar socialista de Cuntis, que congregou a militantes e simpatizantes do PSOE de toda a comarca de Ulla-Umia.