Descafeinado moi quente para a primeira da Feira Taurina da Peregrina
Por Marisa Ciordia
Temperatura, moita temperatura no barrio de San Roque para abrir a Feira Taurina da Peregrina. Pero desa temperatura que fai subir o mercurio, non a que eleva a satisfacción do afeccionado cando goza de todo aquilo que ocorre no rodo. Se en lugar da praza de touros, o festexo fose nun bar, o consumido sería un descafeinado moi quente. Rebaixado o café, rebaixado o sabor das faenas que abriron o abono pontevedrés. E rebaixadas as forzas dos hastados de Alcurrucén, a pesar de que no encerro non faltaban os intrumentos musicais - bo sinal entre as reses do ferro - e tampouco faltou un "Licenciado" irmán daqueles dous que quedarán en memorable lugar das Ventas para 'El Juli' e Juan del Álamo.
'Clarín' foi o primeiro en saír por chiqueros. Esperáballe Julián López 'El Juli'. Tras o trámite de varas, o animal veu abaixo ao segundo pase. Trámite tamén a faena de muleta e desacerto co aceiro: picada fonda, descabello, aviso e morte ao segundo descabello. Parco, practicamente desaparecido co capote 'El Juli' conseguiu cortarlle unha orella a 'Tambor', o cuarto da tarde. Insistiu por naturais e derechazos e tentou dar a réplica a un Roca Rey, ao que esta tempada ve constantemente a cara. Unha efectiva estocada, aínda que pouco ortodoxa supuxo a pañolada branca nos tendidos e o primeiro trofeo que o novo presidente, Pablo Álvarez Montesinos, outorgou nesta responsabilidade. Vinte anos cumpre o madrileño como matador e neste ano sinalado, Pontevedra non estará entre as que lembre, rompendo a serie triunfadora que acumulaba nas tres últimas feiras.
José María Manzanares estivo sen estar. 'Licenciado' traía a carta de recomendación dos seus irmáns, pero aínda que non foi o que aqueles, o alacantino tampouco lle deu maior oportunidade, aínda que si distancia coa muleta. Tanta case como a que buscaba Pedro José Morais subido ao cabalo para alcanzar coa puya ao touro fóra da súa xurisdición e que levou a primeira sonora pitada da tarde. 'Licenciado' caeu á area de forma espasmódica tras o segundo intento coa espada. Parte da asistencia pediu unha orella. Aplausos e saúdo á afección. O quinto da tarde saíu arrastrado tras unha faena sen emoción e case tediosa a esas alturas de festexo.
Andrés Roca Rey puxo a melodía que non podía poñer a banda de música, o brillo ás matizadas faenas dos seus compañeiros de terna e o frescor á tórrida tarde no coso de San Roque. Puido saír aos ombreiros se non fose polo traidor aceiro co que despediu a 'Cara-fea'. Existen as verónicas, as gaoneras, as orticinas, eses lances que escasearon neste festexo máis que os polos de xeo, de habelos; e cuxa rolda correu a cargo do peruano. Coa muleta foi parsimonioso, de pase longo e con lentitude, cargando a sorte e levándose algún empeñón como sucedeu co último touro da tarde. "Heredeiro" tirou de querenza e Roca Rey cedeu terreo ultimando a súa faena en terreos próximos a táboas pero castigando nos peches de peito. A estocada foi unha, algo caída; pero completou o repertorio meritorio de orella.
Roca Rey saíu da praza pontevedresa polo seu propio pé e co pechado aplauso da afección. 'El Juli' e Manzanares fixeron tamén o paseo de saída a pé, pero escoitando a división de opinións do respectable.
REIVINDICACIÓN PEÑISTA E IDENTIFICACIÓNS Á ENTRADA
Dado que este ano entraba en vigor a Lei de Espectáculos en Galicia, durante o acceso do público á praza de touros, aos menores de idade que acudían acompañados de adultos solicitábaselles a pertinente identificación para verificar que a idade mínima era de doce anos, tal e como establece a normativa.
Doutra parte, a Coordinadora de Peñas Taurinas abriu a Feira Taurina da Peregrina cunha imaxe ilustrativa e reivindicativa da afección taurina da cidade. Xunto aos presidentes das peñas, os matadores sumáronse no patio de cabalos á instantánea para apoiar aos peñistas taurinos pontevedreses.
E falando de peñas, dous apuntamentos. Un, dado que a Feira da Peregrina é a referencia en Galicia dos festexos taurinos, os afeccionados da Coruña volveron a desplazasese ata a cidade de Lérez para ver touros, e fixérono ademais colocando a súa lona identificativa:'Peña taurina La Coruña'. O segundo apuntamento, a modo de felicitación para a Peña Gin Kas que este 2018 cumpre 40 anos. Trátase da segunda peña taurina máis veterana en Pontevedra e celebrarao este próximo mércores 8 de agosto cunha festa de aniversario nunha discoteca da capital.
FICHA DO FESTEXO. Feira Taurina da Peregrina. Domingo 5 de agosto de 2018. Praza de San Roque, primeiro festexo do abono. Tres cuartos de entrada.
GANDERíA DE ALCURRUCÉN: Divisa azul celeste e negra. Sinal hendida en ambas orellas . Antigüedade: junio 1989 . Mayoral: Ángel Muñoz Váquez . 1º 'Clarín', negro listón, cuatreño, 520 kilos. 2º 'Licenciado', colorado bragado meano, cinqueño, 465 kilos. 3º 'Cara-fea', castaño claro bragado meano, cuatreño, 465 kilos. (aplausos no arrastre) 4º 'Tambor' castaño claro lucero bragado meano, cuatreño 540 kilos (aplausos no arrastre) . 5º 'Peleón' castaño bragado meano, cuatreño 475 kilos (aplausos no arrastre). 6º 'Heredero' castaño bragado meano, cuatreño, 470 kilos (aplausos no arrastre) .
JULIÁN LÓPEZ 'EL JULI': Picada fonda, descabello, aviso e descabello no primeiro; estocada enteira no segundo, orella.
JOSÉ MARÍA MANZANARES: Picada e estocada enteira, aplausos no primeiro; estocada enteira, aviso e descabello no segundo. Aplausos.
ANDRÉS ROCA REY: Picada, aviso, media estocada e descabello no primeiro; estocada enteira e orella no segundo.
Relacionadas:
-
RADIO.- Talavante e os touros de 'Virgen María' o mellor da feria entre os afeccionados das Conversas na Ferrería
Por Marisa Ciordia |
-
Bravo polo 'capitán de corveta' Ventura!
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: Os afeccionados opinan da Feira Taurina da Peregrina
Por Marisa Ciordia |
-
Asociacións animalistas ven unha "evidente decadencia" da afección taurina en Pontevedra
Por Redacción |
-
Á espera da terna, os touros de Alcurrucén descansan en currais para abrir a Feira da Peregrina
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: "Prometéronnos unha retransmisión televisiva para o ano que vén"
Por Marisa Ciordia |
-
Eduardo Lozano: "A mellor resposta a este movemento animalista é seguir acudindo aos touros"
Por Marisa Ciordia |