VÍDEOS.- O rebentón dun sumidoiro provoca a inundación da praza da Peregrina
Por Anxo Lourido
A praza da Peregrina enchíase de auga durante a tarde deste luns debido ao rebentón que sufría un sumidoiro situado ante a entrada do portal do edificio número 1 da céntrica praza. Centos de persoas que pasaban nese momento por esta zona quedaban sorprendidos pola cantidade de auga que brotaba do sumidoiro percorrendo todo o espazo e seguindo o seu curso ata a rúa Michelena.
A Policía Local desprazouse ata a zona e alertouse a operarios de Viaqua, a empresa concesionaria do servizo de augas no municipio, para que acudisen a resolver o incidente. A auga afectaba a unha ducia de vehículos eléctricos dunha empresa que se atopa situada nos baixos do edificio e os axentes da policía tiveron que recorrer ás bases dos toldos das terrazas da contorna da Peregrina para improvisar un paso que permitise ás persoas que se atopaban no edificio poder saír sen mollarse o calzado.
"Comencé a escuchar un ruido superfuerte y vi que empezó a salir todo marrón", así sinala Carmen Quinteiro, traballadora da empresa de vehículos eléctricos da Peregrina como se iniciou a saída da auga do sumidoiro ao redor das 18.30 horas cando estaba a atender a unha cliente. Un hoverboard, patinete eléctrico, que se atopaba nas proximidades de onde se produciu o rebentón saltaba polo aire debido á presión da auga. Despois comezou a encherse todo de terra, segundo explica, e a auga buscaba a saída por outros puntos entre as lousas da praza provocando pequenos mananciais.
Os operarios de Viaqua interviñeron en varios sumidoiros da contorna e, ata pasada media hora, a auga seguiu brotando no punto onde se rexistrou a avaría.
Desde o Concello de Pontevedra sinalan que esta avaría iniciouse nunha tubaxe da rúa Peregrina e afectou a subministración de ao redor de 120 abonados, entre vivendas e establecementos comerciantes, do triángulo formado entre Daniel da Sota, do número 2 ao 10, da Peregrina do 1 ao 15 e de González de Zúñiga, onde tres bares víronse afectados.
Desde a empresa concesionaria do servizo estímase que a subministración non se recuperará ata ao redor das 22.00 horas deste luns.
Relacionadas:
-
VIDEO.- Unha avaría de auga na zona do CGTD provoca problemas de subministración na cidade
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada