A plataforma de San Salvador insiste en manter o dobre carril de circulación na ponte da Barca
Por Redacción
A plataforma veciñal de San Salvador de Poio rexeita a proposta realizada polo colectivo ciclista Pedaladas para eliminar un carril motorizado da ponte da Barca e habilitar un dobre para bicicletas e aposta por manter o dobre carril de circulación.
O portavoz da plataforma, Sergio Pereira, defende que a ponte ten que contar con dous carrís motorizados en dobre sentido porque a situación contraria "supoñería un caos" para a inmensa maioría de veciños de San Salvador e para boa parte do resto de habitantes do municipio de Poio.
"Non podemos estar de acordo coa proposta de Pedaladas de supresión dun carril desta ponte, parécenos unha irresponsabilidade", valora, á vez que lle pide aos gobernos locais de Poio e Pontevedra e á Xunta de Galicia que non acepten esta proposta.
No caso de que finalmente se suprma un carril, anuncian mobilizacións "inminentes e continuas" porque "non podemos soportar máis atascos dos que xa sufrimos e, eliminando un sentido de circulación desta ponte, os atascos aumentarían considerablemente".
A plataforma veciñal valora que se houbese espazo suficiente estarían "encantados" coa creación dun carril para uso de bicicletas e outro para uso de bus e taxi a maiores dos que xa hai en dobre sentido, pero "o espazo da ponte é o que é" e por iso piden que as propostas "sexan reais e viables".
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A ponte da Barca ofrecerá nova imaxe antes de 2019
Por Anxo Lourido |
-
Comeza a desmontaxe da marquesiña da Ponte da Barca
Por Oskar Viéitez |
-
Pedaladas insiste en reclamar un só carril motorizado e outro dobre para bicicletas na Ponte da Barca
Por Redacción |
-
A ponte da Barca seguirá aberta ata despois das festas
Por Redacción |