Ponte Caldelas estreará un Plan de Autoprotección para as Festas das Dores
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas reforzará a seguridade nas Festas das Dores estreando un Plan de Autoprotección.
Este operativo de seguridade, que xa se ensaiou na recente Festa da Troita, poñerase en práctica por primeira vez no municipio desde a entrada en vigor da nova Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia.
O goberno municipal adxudicou a elaboración do plan á empresa Prevención Integral de Emerxencias (Previnem), que tamén se ocupa da parte de enxeñería relacionada coa inspección técnica de elementos como escenarios, instalacións eléctricas e todo tipo de atraccións de feira.
No citado Plan de Autoprotección determinaranse os posibles riscos nas celebracións e estableceranse as medidas de actuación necesarias, incluída a posible evacuación en caso de emerxencia de consideración. Ademais estimaron a dotación sanitaria necesaria para as Dores nunha ambulancia de tipo B (con dous técnicos).
En canto á inspección de instalacións compróbase o cumprimento de todas as normativas sectoriais aplicables, existencia de certificados de idoneidade e documentación técnica de cada instalación, e revísase a cobertura e vixencia das pólizas de seguros, a existencia e estado dos extintores e, finalmente, aspectos como a seguridade do público nas zonas de circulación.
Os técnicos estarán presentes á súa vez nos momentos de maiores aglomeracións, como as actuacións das orquestras París de Noia e Combo Dominicano, para controlar e garantir o cumprimento do Plan de Autoprotección e coordinar calquera posible emerxencia.