Aprobada a contratación das obras para o tramo non peonil de Benito Corbal
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobaba este luns a contratación das obras do tramo non peonil da rúa Benito Corbal, cun orzamento que ascende a 218.000 euros.
Estes traballos consistirán na ampliación de beirarrúas, que pasarán a medir 4 metros cada unha, coa estética actual. Vai manterse un único carril de servizo e unha única ringleira de estacionamento de servizo, de forma que se pasará de 51 prazas a tan só 25. Segundo explicou a alcaldesa en funcións, Carme da Silva, trátase dunha zona con moita actividade peonil e por este motivo, o goberno local decidiu acometer esta obra, que vai desde Cobián Areal ata Sagasta.
A partir dagora vai iniciarse o procedemento de contratación para unhas obras que terán un prazo de duración de catro meses. A concelleira indicou que aínda non se sabe se agardarán a que pase a campaña de Nadal para acometer estes traballos nesta zona comercial do centro urbano.