Detidos dous mozos cando entraban en Pontevedra en coche con 162 gramos de cocaína
Por Redacción
A Policía Nacional detivo na mañá deste martes dous mozos que viaxaban en dous vehículos con destino a Pontevedra e que transportaban un paquete que contiña 162 gramos de cocaína.
Segundo informou a Policía Nacional, o dispositivo iniciouse cando axentes da Comisaría detectaron na zona do Salnés a presenza dun individuo coñecido pola súa vinculación co mundo do narcotráfico e con antecedentes recentes por feitos similares. O individuo adoptaba grandes medidas de seguridade e observárono cando contactaba con outro mozo e realizaba un intercambio.
A continuación, os axentes obsesrvaron como abandonaban o lugar nos seus respectivos vehículos, ambos en dirección a Pontevedra. Por mor do observado, estableceuse un control policial e procedeuse a dar o alto a ambos os vehículos, que circulaban un detrás do outro.
Os vehículos foron interceptados nunha das vías de acceso a Pontevedra, na coñecida como estrada de Villagarcía, á altura da parroquia pontevedresa de Alba.
Os axentes realizaron un rexistro dos vehículos e as pertenzas de ambos os individuos e localizaron en poder dun deles un paquete plastificado que contiña no seu interior 162 gramos de cocaína, droga esta que no mercado e vendida polo miúdo podería alcanzar un prezo próximo aos 10.000 euros.
Unha vez trasladados os detidos á Comisaría Provincial, levaron a cabo as dilixencias policiais e os dous detidos foron postos a disposición xudicial.