O BNG critica a "hipocresía" de Telmo Martín respecto a asociación Hablamos español
Por Oskar Viéitez
"A hipocresía do señor Martín non ten límites, logo de ser o artífice de que aterrizara aquí a plataforma Hablamos español para deturpar o nome do noso concello, agora laméntase de que volvan". Di o grupo municipal do BNG nun comunicado feito público este mércores.
O pasado martes o bipartito PP-SAL rexeitou a utilización de Sanxenxo por parte desta asociación presidida por Gloria Lago para "intencións espurias" e acusounos de buscar enfrontamentos e polémicas por parte de colectivos de signo ideolóxico contrario.
Os nacionalistas sanxenxinos consideran que "xa hai que ser farsante e ter moita cara para esquecerse que esa señora, Gloria Lago, veu da súa man a Sanxenxo, que foi precisamente el quen lle puxo en bandexa a entrada de ese colectivo galegófobo no noso concello, as intencións espurias das que fala agora o señor Telmo Martín de este colectivo son exactamente as mesmas que cando lle deu autorización, e exactamente as mesmas cando foi advertido no último Pleno Municipal pola concelleira do BNG, Sandra Fernández Agraso, e riuse con chulería el e o seu grupo de goberno", di o Bloque.
O BNG afirma que na anterior vista de este colectivo, "os insultados foron os veciños e veciñas de Sanxenxo ao grito de etarras, terroristas e yihadistas, cando pacificamente se dispoñían a defender o nome do noso concello ao son da música galega", por isto para o BNG é "insultante" que o señor Martín "aplique o mesmo baremo para atacar a Gloria Lago que aos veciños e veciñas de Sanxenxo que se acercaron a defender o que el como alcalde non soubo defender".
Finalmente o BNG sinala unha relación de "amizade" entre o alcalde e a presidenta de Hablamos español, e lamentan que Telmo Martín "sempre está máis pendente en intentar lucirse para o turista que en gobernar para os veciños e veciñas de Sanxenxo".
REACCIÓN DE HABLAMOS ESPAÑOL
Nun escrito publicado na súa páxina web, Hablamos Español sinala que Telmo Martín "converteuse no único alcalde de España que atacou directamente unha asociación cidadá deste xeito" e engade que "tivemos problemas con algún concello gobernado por nacionalistas, pero ningún chegou ao extremo do señor Telmo Martín".
Acúsanlle de realizar "insinuacións tendenciosas" e de "descoñecer principios básicos en democracia" impedindo a cidadáns o exercicio dos seus dereitos "porque, politicamente, cre interésalle".