'Hablamos español' recolle firmas en Sanxenxo contra a imposición lingüística e insiste en chamarlle Sangenjo
Por Redacción
A asociación 'Hablamos español' realizou finalmente sen incidentes a polémica recollida de firmas convocada para a tarde deste domingo na praza Pascual Veiga de Sanxenxo para reunir apoios para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) de Liberdade de Elección de Lingua, admitida polo Congreso e o Senado, que persegue a aprobación dunha lei de rango nacional que garanta estes dereitos.
O colectivo pedira permiso ao Concello de Sanxenxo para a recollida de firmas, pero o goberno local de Telmo Martín (PP) denegoullo alegando que nun acto da mesma natureza realizado o pasado mes de xullo rexistráronse altercados. A pesar da negativa municipal, a asociación pediu autorización á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para facer unha concentración e finalmente puido realizar a acción.
A recollida de firmas produciuse a partir das 19.00 horas deste domingo sen incidente reseñables e baixo a atenta vixilancia da Policía Local de Sanxenxo para garantir a seguridade das persoas organizadoras e tamén do resto de viandantes.
O colectivo que preside Gloria Lago, presidenta á súa vez da asociación Galicia Bilingüe, segue insistindo en chamar á localidade pontevedresa como Sangenjo e así o fixo en todas as comunicacións relacionadas con esta recollida de firmas.
Esta recollida de firmas enmárcase a na campaña informativa que a asociación está a desenvolver en toda España "para que se coñeza en que medida a imposición lingüística que se está levando a cabo en Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, País Vasco, Illas Baleares, e agora tamén en Navarra, supón unha vulneración de dereitos, implica unha traba para moverse ou establecerse en calquera lugar de España, e é unha anomalía sen parangón nunha democracia".
Relacionadas:
-
Guerra entre academias: a RAE prefire Sangenjo e a RAG lembra que a única forma oficial é Sanxenxo
Por Natalia Puga |
-
O BNG critica a "hipocresía" de Telmo Martín respecto a asociación Hablamos español
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello lamenta que "Hablamos español" acuda a Sanxenxo para lograr repercusión mediática
Por Oskar Viéitez |