Aproban a construcción dunha rotonda para reducir a accidentalidade da PO-531 na Devesa
Por Redacción
A Xunta de Galicia deu a coñecer este venres a aprobación definitiva do proxecto da segunda fase da mellora da seguridade viaria da estrada PO-531 ao seu paso por Pontevedra, no lugar da Devesa.
Esta actuación é a segunda fase dun proxecto de mellora que se iniciou coas obras xa rematadas no acceso ao polígono de Sequeiros, en Barro, e define a execución dunha glorieta na PO-531 á saída do núcleo da Devesa.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se aproba o proxecto, que ten como obxectivo a redución da velocidade de circulación na contorna do punto quilométrico 8 da estrada, minimizando a accidentalidade que rexistra a vía neste tramo.
Na glorieta entroncarase un ramal de novo trazado, que se conectará co vial principal deste núcleo e que permitirá eliminar o carril central para realizar o xiro á esquerda da intersección. Desta maneira, facilitaranse os xiros en condicións seguras.
A Xunta, con estes traballos, está a responder á solicitude realizada polos veciños da contorna para a continuación das obras de mellora da seguridade viaria na estrada que comunica Pontevedra e Vilagarcía.
Relacionadas:
-
A Xunta adxudica a Marconsa as obras da segunda fase na estrada PO-531, na Devesa
Por Redacción |
-
O DOG publica a urxente ocupación dos bens afectados pola rotonda da PO-531, na Devesa
Por Redacción |
-
A Xunta dá luz verde ás expropiacións para a reforma da PO-531 na Devesa
Por Redacción |
-
Sae a información pública a mellora de seguridade na estrada PO-531, na Devesa
Por Redacción |