Empezan as obras para incrementar as aulas da Escola de Música de Cerdedo
Por Redacción
O local da Escola de Música de Cerdedo está en obras. O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de comezar os traballos do proxecto de reforma co obxectivo de que teña máis aulas e de modernizar o inmoble, que acolle anualmente a decenas de alumnos para recibir as ensinanzas nesta materia.
A actuación está a ser acometida por unha empresa do municipio por un importe de máis de 17.000 euros procedentes de baixas nas adxudicacións doutras obras.
Con motivo do inicio dos traballos, que se agarda que estean rematados para afrontar o vindeiro curso lectivo 2018/2019, o presidente municipal, Jorge Cubela, e o concelleiro José Luis Crujeiras realizaron unha visita ás instalacións.
O principal obxectivo deste proxecto pasa por reformar os espazos existentes e modificar a distribución para contar con seis aulas independentes, con dúas na planta baixa e as catro restantes no primeiro andar. Ademais, vaise proceder á adecuación da carpintaría de aluminio na entrada e na fachada posterior da planta alta e vaise mudar a carpintaría interior de madeira, acometer axustes na iluminación e realizar un pintado integral do edificio.
Na actualidade, na planta baixa hai dúas aulas, pero están unidas e non se poden celebrar clases simultáneas, polo que gran parte do espazo está desperdiciado. Neste andar vaise instalar unha carpintaría cun illamento acústico especial que permitirá que haxa dúas aulas axeitadas e vaise cambiar a porta de entrada.
No primeiro andar hai dúas aulas e vanse instalar dúas divisións acústicas para duplicar o aproveitamento de espazos e dispoñer de catro estancias que ademais contarán con accesos independentes para que non haxa interrupcións durante as actividades. Tamén se vai proceder a renovar a porta da entrada principal e substituiranse as fiestras do corredor.