Fase final para a reforma do CPI Santa Lucía de Moraña, que permitirá aforrar o 50% en electricidade e calefacción
Por Redacción
O Colexio Público Integrado (CPI) Santa Lucía de Moraña é o centro no que máis diñeiro investiu a Xunta de Galicia este ano para mellorar as súas prestacións enerxéticas. A Consellería de Educación destinou 550.000 euros en rehabilitar o edificio, que na mañá deste luns era visitado pola alcaldesa de Moraña Luisa Piñeiro.
Representantes da empresa que realiza a obra indicaron á alcaldesa que os traballos irán finalizando de maneira progresiva por distintas zonas do centro ao longo do mes de setembro, de forma que as instalacións poderán acoller os exames de recuperación e o inicio de curso sen que haxa problemas co desenvolvemento das obras.
O colexio con esta reforma mellorará o seu consumo enerxético ata o punto de que se espera que aforre unha media do 50% en electricidade e en calefacción, ademais de gañar en confortabilidad e comodidade.
Os traballos que se están acometendo contemplan o illamento térmico da fachada exterior, o cambio de xanelas, carpintería, vidros e protectores solares, ademais da instalación de iluminación de alta eficiencia que detectan a presenza de persoas e a instlación dunha calefacción de biomasa.