Comeza a andaina de tres proxectos financiados polo GALP Ría de Pontevedra
Por Redacción
A primeira convocatoria de axudas de 2018 para proxectos que se inclúen nas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo que se xestionan en colaboración co GALP Ría de Pontevedra resolveuse co financiamento de tres iniciativas. Dous proxectos produtivos e un non produtivo foron os primeiros que aprobou a Consellería do Mar. 18 proxectos atópanse en lista de espera pendentes da resolución definitiva.
Desta forma, a empresa Sea Charter Rías Baixas recibe unha axuda para a posta en marcha dun servizo de taxi mar ou de rutas a medida pola ría de Pontevedra. O investimento total atópase preto dos 187.000 euros, sen IVE. A axuda do 45% permitirá que se adquira unha embarcación e o equipamento para o desenvolvemento cunha plataforma web que permita a reserva e o pago anticipado. Xerará dous postos de traballo e incluiranse contidos de dinamización turística e promoción de produtos pesqueiros.
Outro dos proxectos que contarán con axudas é o da Asociación Educativa Tranvía. Consiste na mellora e traslado de instalacións da Escola Infantil Tranvía do Mar I. Esta asociación destinará a axuda a manter as prazas escolares e catro postos de traballo. Ofrecerase ensino sobre biodiversidade mariña, recursos do mar e a súa conservación.
Pola súa banda, a confraría de Portonovo presentou o proxecto "enLonxa" ante o GALP da Ría de Pontevedra. Esta iniciativa é de carácter non produtivo. A proposta terá unha duración de tres anos e contratarase a persoal que realice actividades de mellora da comercialización. Empregarase a plataforma de comercialización conxunta "pescadoartesanal.com" e establecerase unha organización de visitas turísticas á lonxa.
A confraría de Portonovo publicaba nas últimas horas as bases para a contratación de persoal para este proxecto. Atópanse expostas no taboleiro da confraría e as persoas interesadas deberán presentar o currículo acreditando experiencia laboral.
Relacionadas:
-
Encontro das mulleres do mar de Candieira para amosar os resultados deste proxecto
Por Redacción |
-
As mariscadoras da ría publican unha guía de consellos para evitar lesións na práctica extractiva
Por Redacción |
-
Tres proxectos do GALP Ría de Pontevedra entre os finalistas aos premios Economía Azul
Por Redacción |