O alcalde de Pontevedra solicitará unha entrevista ao presidente da Xunta ao comezo do curso político
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ten previsto solicitar unha entrevista co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo co inicio do curso político para retomar algúns asuntos pendentes.
Na axenda de traballo de Fernández Lores destacan como cuestións máis importantes o hospital Gran Montecelo e a Variante de Alba, segundo sinalou o rexedor que non oculta a súa preocupación polo "evidente atraso" que arrastra esta última infraestrutura.
"Obviamente falaremos tamén doutras cousas" engadiu o alcalde.
Entre esoutros temas pendentes o Concello, a Xunta e tamén a Deputación de Pontevedra teñen entre mans un novo proxecto para a zona da Parda con dous pavillóns, un polideportivo e outro específico para ximnasia do que os clubs da cidade farían uso común co CGTD. Por agora o compromiso do Executivo autonómico é só verbal aínda que o alcalde expresou a súa confianza na palabra dada polo presidente galego.
Nestes momentos a iniciativa atópase en fase de redacción do proxecto de urbanización "necesitamos tamén negociar algunhas parcelas para darlle outras entradas". "Supoño que agora a partir de setembro-outubro retomaremos o tema", indicou o alcalde.