A Garda Civil recupera en Ribadumia un quad subtraído en Bueu
Por Redacción
A Garda Civil recuperou en Ribadumia un quad que fora subtraído a pasada semana en Bueu e procedeu á investigación penal do presunto autor por un presunto delito de furto de uso de vehículo a motor.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, o vehículo subtraérono cando estaba estacionado diante do domicilio do seu propietario en Bueu e a circunstancia de publicar a súa fotografía nas redes sociais activou especialmente a colaboración cidadá, de tal forma que non se tardou en recibir información de que o vehículo fora reparado dunha pequena avaría nun taller mecánico na contorna da cidade de Pontevedra.
As liñas da investigación non tardaron en situar o todoterreo na comarca do Salnés e en pouco tempo recíbese outra alerta cidadá que situaba o quad estacionado na localidade de Ribadumia, onde foi localizado.
As investigacións iniciadas polos Postos da Garda Civil de Marín e Pontevedra finalizaron coas pescudas efectuadas polos efectivos do Posto Principal de Cambados quen concluíu coa identificación e localización do presunto autor da subtracción, un mozo de 20 anos, veciño de Caldas de Reis, ao que se lle notificou a súa condición de investigado como presunto autor dun delito de furto de uso dun vehículo a motor.
As dilixencias instruídas pola recuperación do vehículo e a investigación penal do presunto autor entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cambados.