Touriñán, De Vacas e Roi Casal amenizarán as Festas da Virxe do Porto
Por Redacción
O fin de semana do 7 ao 9 de setembro, Marín volverá celebrar as festas en honra á patroa da vila, a Virxe do Porto. Este venres anunciábanse no Concello as actividades que se desenvolverán durante esas xornadas.
O humor correrá a cargo do cómico galego Xosé Antonio Touriñán, que conta cun gran número de seguidores tanto polas súas aparicións no programa Land Rober, da TVG, como pola súa interpretación na serie 'Fariña'. A súa actuación será o venres 7, ás 21.00 horas, na Alameda Rosalía de Castro.
Os concertos musicais cehgarán, o venres 7, co grupo De Vacas, que se caracteriza por facer versións en galego de temas populares e, o sábado 8, con Roi Casal, que a partir das 22.00 horas na Alameda de Marín ofrecerá o seu espectáculo 'Son Galego, Son Cubano'. Ese mesmo día desenvolverase o Memorial Antonio Fernández, a cargo do colectivo Os Chaneiros. Esta agrupación ofrecerá un repertorio xunto a grupos convidados de temas tradicionais.
O domingo desenvolverase a feira solidaria a cargo de O Abeiro, coa organización do mercadillo 3R. Tamén durante esta celebración festiva haberá lugar para os actos relixiosos coa misa solemne e a procesión acompañada pola Banda da Escola Naval de Marín.