Aprobada a contratación da reforma da estrada entre Ribadumia e a Ruta da Pedra e da Auga
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a contratación da mellora da estrada provincial EP-9305 Coirón-Ribadumia.
Este viario, que une o núcleo da vila e o inicio da Ruta da Pedra e da Auga, estará en obras se se cumpren as previsións antes de final de ano, despois de que abrira o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas.
O proxecto de reforma ten un orzamento de 225.088 euros e un prazo de execución de catro meses logo do inicio dos traballos.
O obxectivo desta actuación é fomentar o tránsito peonil na zona nun ámbito que abarca 410 metros de lonxitude, nos que se construirá unha nova senda peonil e ciclista de 2,5 metros de ancho, e instalaranse catro redutores físicos de velocidade de vehículos, establecendo unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora.
En virtude do convenio asinado entre o Concello de Ribadumia e a Deputación, a administración provincial farase cargo do 70% do custo da obra e o goberno local fará fronte ao 30% restante.