Lista de espera de dous anos para entrar nunha residencia de maiores
Por Oskar Viéitez
O Consello de Contas alerta nun informe que os maiores galegos teñen que esperar ata dous anos para poder obter praza nunha residencia, moi por encima dos seis meses que marca a lexislación. Este problema é debido a que faltan prazas en residencias e á excesiva burocracia. Ademais o informe constata que o 65% das prazas residenciais son privadas en concerto coa Xunta.
O problema agrávase se se trata dun maior dependente xa que aos dous anos de espera hai que sumar os prazos de ingreso dos casos de emerxencia social, unha vía de urxencia que utiliza a Xunta para ingresar en residencias a maiores naqueles casos nos que non teñen a ninguén que se faga cargo deles.
O Consello de Contas demanda á Xunta que incremente o número de prazas en centros de maiores por ser agora "claramente insuficiente" e que dispoña "persoal e medios" para axilizar os prazos e cumprir cos tempos de espera que fixa a lei.
Segundo este órgano fiscalizador en Galicia só hai tres prazas en residencias por cada cen persoas maiores. Engade que o goberno galego non investiu nas instalacións das residencias e algunhas delas están "infrautilizadas" porque non están nas condicións adecuadas para funcionar.