Chega a segunda edición da Romaría na Renda
Por Redacción
A ACDeM Armadiña programa para o domingo 9 de setembro a segunda edición da Romaría na Renda (Xuviño, Combarro). A asociación levou á realidade o ano pasado por vez primeira unha idea que tiña desde hai tempo: recuperar unha tradición xa perdida, a romaría que se celebraba nos arredores da capela da Renda durante a celebracións da Virxe da Gracia e que toda a veciñanza lembraba como unha gran festa do lugar.
A festa xirará arredor do xantar popular onde cadaquén poderá aportar a comida que queira. No campo da festa haberá polbo, churrasco, cervexa, viño e rosquilleira.
Para animar a que os veciños despregen manteis sobre o campo, tal e como se facía doutrora nas romarías, a ACDeM Armadiña creou o premio ao mellor mantel, que será otorgado á peza que conte con máis elaboración, que sexa máis orixinal ou que se insira no marco da historia local.
A programación da romaría será:
- 10:30 – Roteiro das historias. Saída da praza da Chousa.
- 12:30 – Falcatruada para crianzas. Xincana de xogos baseados nos relatos e distintos aspectos da realidade local
- 13:30 – Sesión vermú co grupo OÎMA. Tamén actuarán as Pandeireteiras do Ronsel e o grupo de baile Armadiña, que contará coa compañía da escola de música tradicional de Poio.
Para a realización desta actividade, a ACDeM Armadiña conta coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Poio.