Ponte Caldelas volve ofertar unha sesión de barranquismo no río Verdugo á súa veciñanza
Por Redacción
Os saltos da Roca, augas abaixo do paso do río Verdugo polo núcleo urbano de Ponte Caldelas, volven ser protagonistas na promoción turística municipal. O Concello promociona este domingo, día 9, a actividade de barranquismo cunha xornada gratuíta aberta á veciñanza caldelá.
Repite así a fórmula estreada o pasado ano con gran éxito, dado que significou un importante incremento no número de visitas a esta paraxe fluvial na que adestra habitualmente a Garda Civil de Montaña para simular condicións de rescate.
As persoas interesadas en participar deben estar empadroadas en Ponte Caldelas e non padecer disfuncionalidade algunha que lles impida a práctica do barranquismo. Hai un total de 15 prazas dispoñibles e a participación será por rigorosa orde de inscrición. O prazo de solicitude está aberto entre este luns e o próximo venres. As persoas interesadas deberán facer un depósito de 10 euros que se devolverá con posterioridade á sesión.
A xornada de barranquismo inclúe un percorrido de preto de tres quilómetros, dende a primeira represa de Laforet ata a altura da central hidroeléctrica. Un tramo de río no que se combinan sectores "tranquilos" que se cobren a nado con outros nos que é preciso camiñar. O prato forte está no rapelado para salvar o desnivel dos tres grandes saltos de auga, o último cunha altura superior aos 10 metros. Toda a actividade está supervisada por monitores cualificados que garanten a seguridade e adestran, paso a paso, no uso do material.