Unha xornada de barranquismo para presumir do Verdugo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas ofreceu este domingo unha sesión de barranquismo gratuíta e aberta á súa veciñanza, no marco da campaña de promoción do turismo verde.
A sesión, na que participaron 13 persoas, entre as que estaba o alcalde, Andrés Díaz, forma parte do acordo coa empresa Galaicaventura, que opera de xeito regular durante todo o ano e goza de facilidades para utilizar espazos municipais como centro de recepción e servizo de vestiario.
Os datos da empresa operadora indican que o barranco do Verdugo, formado por tres cascadas consecutivas nunha paisaxe rochosa, experimenta un importante crecemento, o que significou dobrar o número de grupos que se desprazaron ao longo deste verán para achegarse ou perfeccionar a práctica desta modalidade.
O descenso do barranco, cunha duración de case catro horas, non require de coñecementos previos, pois os monitores dan todas as instrucións precisas e achegan o equipamento necesario. A seguridade é a máxima prioridade na totalidade do percorrido e todos os puntos dificultosos contan con alternativas máis doadas.
Esta zona do río Verdugo, en Ponte Caldelas, é o lugar de adestramento da Garda Civil de montaña para simular situacións de rescate.