Quince concertos amenizarán as festas patronais de Tenorio
Por Redacción
A parroquia de Tenorio xa ten todo preparado para celebrar, a partir deste venres 7 de setembro, as festas na honra da Virxe do Rosario, San Roque e a Virxe do Carme.
Farano cun completo programa caracterizado polos actos relixiosos, os monólogos, unha gran chocolatada e numerosas actuacións musicais, xa que haberá seis orquestras, dous grupos e a participación de ata sete formacións locais de música tradicional e de banda.
As festas arrancarán o venres cun pasarrúas ás 19.00 horas da Banda de Cerdedo e un posterior concerto para dar paso á verbena con Nievla e Fama.
Xa o sábado, haberá tirada de bombas, pasarrúas cos sons de gaita e percursión de Foula, misa solemne ás 13.00 horas cantada polo coro parroquial, sesión vermú con Foula, concerto da Banda Escola de Música de Tenorio ás 21.00 horas e actuación de Ciudad de Vigo e do grupo Kien Lo Diría.
O domingo repetirase o esquema coa presenza matinal de Os Trazantes de Tenorio, que tamén amenizará a sesión vermú tras a misa solemne e cantada das 13.00 horas. No serán actuará a Banda Unión Musical de Tenorio e a verbena corresponderá ás orquestras Atlanta e La Dimensión.
Finalmente, o luns 10 de setembro, o pasarrúas corresponderá á charanga Charandonga, que volverá actuar tras o oficio relixioso cantado polo coro, e pola noite, desde as 21.00 horas, haberá un monólogo de Pedro Brandariz. O peche das festas corresponderá a Saudade e ao grupo espectáculo Kubo e tamén haberá unha gran chocolatada no campo da festa, que estará cuberto por unha gran carpa por se houbese choivas.
Jorge Cubela agradeceu "o traballo e gran esforzo" da comisión por acadar un programa tan completo, "que rolda as 25 actividades ao longo de catro días e que permitirá gozar de ata 15 grupos de diferentes estilos musicais" e amosouse confiado en que as festas "serán un éxito de público polo tirón que ten Tenorio, que é a nosa parroquia máis poboada".