Augasantas dedica as súas festas patronais aos emigrantes
Por Redacción
A parroquia de Augasantas arranca este xoves 6 de setembro tres días de celebracións con motivo das Festas da Nosa Señora de Augasantas, unha das citas máis tradicionais do calendario de lecer no municipio ao tratarse da patroa de Cotobade.
As festas comezarán ás 21.00 horas, cunha pequena homenaxe aos emigrantes e unha gran churrascada con prezos populares amenizada pola charanga Charandonga.
Xa o venres amencerá con dianas e alboradas a cargo da Banda de Música de Tenorio, que será a encargada de amenizar tamén a sesión vermú tras a misa solemne das 12.00 horas, cantada polo coro Aqua Viva de Augasantas, e a posterior procesión.
Pola tarde, desde as 19.00 horas, haberá rosario na capela de Penelas e finalmente unha verbena coas orquestras Costa Dorada e Españoles.
Na xornada de clausura do sábado 8 de setembro abrirase o programa cos sons da Banda de Música Cultural de Campo Lameiro, que tamén actuará tras o oficio relixioso solemne do mediodía, no que se repetirán os cantos da polifónica local e a celebración da procesión.
As festas concluirán pola noite co dobre concerto das orquestras Breixa Band e Caracas.