En Marea denuncia a masificación de Ons
Por Redacción
A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, dirixiu ao Ministerio de Transición Ecolóxica a petición de que impulse ante a Xunta que se aprobe antes do vindeiro verán de 2019 o Plan Rector de Uso e Xestión do Parque Nacional de Illas Atlánticas.
Fernández advirte ao Ministerio do traslado da masificación das Illas Cíes a outras illas do Parque como a de Ons. "Neste verán, vimos que a masificación das Cíes se estendeu á Illa de Ons. Co cal, a situación de sobreexplotación empeorou sen que se adoptasen as medidas precisas para evitar o deterioro dun espazo de gran valor ambiental. De nada serviron as sancións ás navieiras nin as ameazas de máis multas. O ano pasado abríronse 14 expedientes e tan só un deles concluiu en sanción".
A deputada de En Marea pon a énfase na necesidade de aprobar canto antes o Plan Rector de Uso e Xestión porque "mentras continuemos así, as navieiras non porán límite á explotación do Parque aínda que supoña unha agresión ao seu ecosistema ".
Por outra parte, "non só se agranda o problema medioambiental senón que tamén aumentan os problemas de seguridade, de esgotamento dos recursos disponibles e se visibiliza unha lamentable xestión".