A Deputación terá que pagar un millón de euros de demora polas obras de ampliación no Museo de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación Provincial aprobou o abono de 1.040.000 euros para facer fronte á demanda por demora da empresa Dragados S.A. polas obras de ampliación do Museo de Pontevedra.
Estes traballos acometidos no Sexto Edificio e no Sarmiento adxudicáronse para afrontarse nun prazo de 36 meses e foron realizados finalmente ao longo de dez anos, segundo explicaba a presidenta provincial, Carmela Silva na rolda de prensa ofrecida este venres.
Silva indicou que, por decisión xudicial, a Deputación de Pontevedra tiña que facer fronte a este gasto en lugar de investir este diñeiro en temas sociais. E arremeteu contra as "obras mal realizadas" polo goberno do PP liderado por Rafael Louzán en mandatos anteriores en relación co Sexto Edificio do Museo, acusándoo de inauguralo en varias ocasións coa presenza de Mariano Rajoy ou de Ana Pastor.
XACEMENTOS GALAICO ROMANOS
Carmela Silva tamén daba a coñecer o protocolo de colaboración ente a institución provincial e o Ministerio de Fomento en relación aos xacementos galaico romanos da provincia coa licitación en outubro de tres proxectos de musealización dos castros de Alobre, en Vilagarcía de Arousa; Subidá, en Marín e Toiriz, en Silleda. Os tres contan coa autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia.
Tamén no mes de outubro presentáronse outros proxectos de musealización que xa se atopan redactados como o de Alto da Cruz do Castro, en Cerdedo-Cotobade; Penalva, en Campo Lameiro e Adro Vello, no Grove.
Outros proxectos de musealización como o de Castro Landín en Cuntis ou Monte do Castro en Ribadumia, entre outros, serán presentados polo Ministerio de Fomento no primeiros tres meses de 2019, segundo indicou Carmela Silva.