Unha inauguración para gloria de Rajoy
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez
Chegou tarde, con nove minutos de atraso sobre o horario previsto, un atraso que se apurou a xustificar o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, ao explicar que estivera a visitar o recuperado edificio Sarmiento. Dentro esperáballe unha nutrida representación da política e cultura pontevedresa. Chegaba o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, segundo Louzán, o responsable de "conseguir os fondos para ampliar o Museo e para peatonalizar e rehabilitar o casco antigo de Pontevedra", obras estas dúas que son buque insignia do goberno local do BNG.
A súa visita tiña por obxecto inaugurar a ampliación do Museo de Pontevedra, unha obra xa rematada hai catro anos, pero que para os políticos é "un símbolo e unha metáfora desta hora de España porque é o exemplo máis claro dos beneficios da unión e da colaboración de todos para afrontar unha tarefa común". En realidade a única novidade da visita do presidente do Goberno foi que destapou unha placa oficial e que se abría a exposición de fondos permanentes do Sexto Edificio do Museo.
Louzán abriu o acto cun discurso de loubanza a Rajoy e rematouno cunha improvisada referencia á "sensibilidade do Goberno de España e de Galicia en relación coas persoas que están sufrindo o problema das preferentes". "Están a realizar un traballo incansable para chegar a unha solución xusta, sei da súa involucración permanente", asegurou. E deu paso ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Fronte ao discurso bilingüe de Louzán, Feijóo falou integramente en galego para repetir as liñas básicas da súa mensaxe de fin de ano e as súas referencias a Rosalía de Castro. "Cando non había institución, cando non existían estruturas políticas nin económicas, Galicia atopou protección, esperanza, na cultura", aseverou o presidente galego e recordou que en 1963 empezou a dedicarse, en honor á escritora, o Día das Letras Galegas.
"Cincuenta anos despois é este novo espazo museístico o que nos volve recordar que Galicia é un gran país, capaz de levantarse e seguir camiñando", sinalou nunha das poucas referencias á crise económica actual. Estaba nun Museo e as súas palabras centráronse no plano cultural e en promover unha "política de portas abertas" nas institucións culturais galegas, xa que os seus fondos son "símbolos de onte e de hoxe" dos que "xermola sempre unha cultura para o entendemento, que non é de ninguén senón de todos, que non pecha senón que abre, que non establece valados senón que abre camiños".
Mariano Rajoy pechou o acto oficial antes de realizar unha visita de médico ás instalacións do Sexto Edificio do Museo, percorrendo todas as súas salas en compañía do seu director, Carlos Valle. Recordou a súa etapa como presidente da Deputación, na que presidiu o Padroado do Museo, e tamén visitas posteriores ás instalacións, dende que foi ministro de Educación durante o Goberno de José María Aznar e conseguiu o logro polo que tanto lle enxalzara Louzán, lograr fondos europeos a través do Plan Urban para asinar un convenio a tres bandas Goberno-Xunta-Deputación polo que no ano 2000 se empezaron as obras de rehabilitación que este venres viviron a súa última inauguración.
Cualificou o presidente do Gobieno as instalacións pontevedresas como "el mejor museo provincial de España", destacou o seu "compromiso a lo largo del tiempo" con estas instalacións e insistiu en que "en momentos de dificultades como las actuales es un ejemplo de lo que podemos hacer trabajando todos unidos".
Na súa única referencia á actualidade política actual, fixo unha alusión velada aos movementos independentistas que proliferan en Cataluña, pois, para el, "la diversidad y pluralidad de la cultura española es algo que define nuestro carácter integrador" que "deben servir para unir y no para dividir".