Moraña reforma a escola infantil de cara ao inicio de curso
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de realizar diversas melloras na súa escola infantil, integrada na rede Galiña Azul, centradas especialmente no pintado e o cambio de portas e de certos elementos de carpintaría.
Ademais, xa proxecta a dotación de mobiliario e outras pequenas reformas de espazos para que este recinto educativo presente unhas perfectas condicións de cara ao curso académico 2018/2019, que arrancou esta semana.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, achegouse ata o centro para comprobar os traballos realizados ata o momento, que consistiron no pintado de todo o inmoble e certas actuacións de carpintaría, e para informar ao persoal das vindeiras actuacións coas que quedará lista esta escola.
Así, a rexedora indicou que nos vindeiros días dotarase ao recinto de mobiliario para os despachos, xa que esta actuación non se puido realizar con anterioridade, pero non se trataba dunha cuestión que preocupara en tanto que non causará ningún prexuízo ao desenvolvemento da actividade educativa e pode realizarse sen atrancos co curso en marcha.
Polo demais, e atendendo a unha petición da dirección, Luisa Piñeiro abriu unha negociación co Consorcio de Igualdade respecto ao financiamento dunhas obras solicitadas e que, finalmente, serán sufragadas pola Xunta.
Estas obras consistirán nunha redistribución de espazos que permitirá a creación dunha zona de descanso acondicionada para a aula de 0 a 1 anos e o illamento das zonas de aseos das estancias dos nenos de 1 a 2 e de 2 a 3 anos, xa que están integradas na mesma sala.
Estas obras van comezar nas vindeiras datas e terán unha rápida execución.