Bueu consultará aos veciños para renovar as súas ordenanzas
Por Redacción
O Concello de Bueu traballa actualmente nas propostas de consulta pública de cara á creación de novos regulamentos e ordenanzas e na actualización dalgúns que quedaran obsoletos.
A primeira delas xa se activou. Todas as persoas que o desexen poden presentar propostas previas á elaboración e aprobación do regulamento para a creación dunha oficina de voluntariado.
Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 25 de setembro para achegar as súas opinións, o que poderán facer a través da sede electrónica.
A aprobación deste regulamento é un compromiso adoptado pola corporación no marco do Plan Normativo para o ano 2018.
Así, vanse actualizar os regulamentos de participación cidadá (o actual data de 1996), o regulamento orgánico da corporación (o actual aprobouse no 1985) ou a ordenanza de instalación de terrazas, mesas e cadeiras de hostalaría (a vixente é de 2012).
Entre as novas normativas que se impulsarán están o regulamento para a xestión de autorizacións e cesións do uso de locais municipais a entidades cidadás, colectivos e partidos políticos ou a ordenanza reguladora da administración electrónica.
Os obxectivos que se perseguen son aumentar a seguridade xurídica e facer predicible o ordenamento xurídico local, poñer en valor a normativa municipal mellorando a técnica de produción normativa, e facilitar o coñecemento das normas municipais, así como incorporar un modelo normalizado de consulta ou achega de suxestións por parte da cidadanía.