Bueu pagará uns 420.000 euros en dous anos á empresa que lle ayude a cobrar taxas e impostos
Por Redacción
Ata o próximo 9 de abril estará aberta a licitación do novo contrato que ofrece Bueu na busca dunha nova empresa que colabore na xestión tributaria, inspectora e recadatoria de taxas e impostos municipais e na xestión dos expedientes sancionadores en materia de tráfico.
Bueu prevé destinar a este servizo preto de 420.000 euros por dous anos, ao que habería que engadir os impostos e os importes das prórrogas, dun máximo de dous anos máis.
O contrato experimentará un aumento do seu custe en torno a un 20% con respecto o anterior.
Isto é debido ás novas melloras que houbo que poñer en marcha nestes anos, como a implantación da administración electrónica ou a apertura da Oficina Virtual Tributaria, que facilitan á cidadanía o acceso aos servizos de pagamento das taxas e tributos municipais.
O edil de Facenda, Julio Villanueva, explica que esta externalización do servizo veuse executando de forma ininterrompida por distintas mercantís dende o ano 2002 debido á escaseza de medios e de persoal municipal.
A tesourería municipal, segundo o goberno municipal, carece de medios persoais, materiais, físicos e técnicos para a prestación dun adecuado servizo de xestión tributaria. A iso engádese que o Concello non pode contratar novo persoal de forma definitiva.