A Festa da Ameixa chega a Campelo con Treixadura, Andy & Lucas e 'leiraparking' de balde
Por Oskar Viéitez
A Praza da Granxa de Campelo acollerá esta fin de semana a edición número 31 da Festa da Ameixa.
O concelleiro de Turismo de Poio detallou este mércores o contido do programa de actividades previsto para os días 14, 15 e 16 de setembro nos que se espera despachar 570 quilos de ameixa babosa recollidos polas mariscadoras da confrarías de Lourizán, Campelo e Raxó.
A festa deste ano fusiónase co festival musical que conforman para a noite do venres o grupo de folk Treixadura, o sábado o dúo Andy & Lucas e o domingo verbena a cargo do grupo Claxxon.
No programa inclúense actividades destinadas a todos os públicos, no que os máis pequenos gozarán dunha nova edición do desembarco pirata. Ademais homenaxearase ás mariscadoras das tres confrarías presentes na ría de Pontevedra que se xubilaron ao longo do último. Tamén se entregarán os premios do II Concurso de Fotografía.
A carpa gastronómica non abrirá ata o sábado para partir do mediodía para ofrecer as apreciadas racións de ameixas con arroz, con fideos ou á mariñeira. As dúas primeiras preparacións custan 7 euros a ración mentres que as ameixas á mariñeira saen a 9 euros. "Son uns prezos populares para un produto de luxo", valorou o concelleiro.
Xose Lois Martínez lembrou que haberá 1.500 prazas de aparcadoiro gratuítas distribuídas en varios leiraparking, é dicir, leiras de veciños que ceden desinteresadamente durante a festa.
A Policía Local de Poio poñerá en marcha un operativo de tráfico no que se restrinxirá o acceso rodado á Praza da Granxa. Os accesos poderanse facer pola Rúa Pai Avelino, Rúa Beiramar, Camiño Campo Loncras e Rúa Pedro Soto Couselo. Haberá unha zona de aparcadoiro ampla nestas dúas últimas rúas e unha terceira situada no Porto de Campelo.
Relacionadas:
-
A festa e a gastronomía tomarán Poio do 21 ao 25 de agosto e do 13 ao 15 de setembro
Por Redacción |
-
A Festa da Ameixa nunca falla
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Festival da Ameixa obriga a realizar cortes de tráfico en Campelo
Por Redacción |
-
O concelleiro de Turismo de Poio anima os veciños de Combarro a crear "leira-parks" durante a Festa do Mar
Por Anxo Lourido |