O PP critica o "fracaso estrepitoso" da xestión turística da Deputación
Por Oskar Viéitez
"En planificación e xestión das competencias que ten a Deputación en turismo creemos que é o peor ano da historia". Así o dixo este xoves o portavoz popular Ángel Moldes.
Cita como exemplo que a día de hoxe Baiona aínda non conta co persoal de reforzo que envía a Deputación para atender as oficinas de turismo da rede provincial e en Sanxenxo incorporáronse na segunda quincena de agosto. Problemas similares tamén se rexistraron no Grove, A Illa ou A Guarda entre outros municipios.
Segundo o PP antes eran os propios concellos os que facían a contratación deste persoal pero agora que cambiou o modelo pero "non foron capaces de cubrir esas prazas".
O grupo do Partido Popular presentou unha moción para o seu debate no pleno da Deputación deste venres na que piden á presidenta provincial Carmela Silva que revele a fonte dos datos turísticos que ofrece "un día despois de rematado o mes", cando outras institucións como a Xunta ou o Instituto Nacional de Estatística tardan tres semanas en ofrecer esa información. "Queremos saber se nos dí a verdade ou minte", dixo Moldes.
Nunha rolda de prensa celebrada na sede provincial do PP, os deputados Ángel Moldes e Luís Aragunde reprocharon "esa obsesión, esa ansiedade" de Carmela Silva "por falar de algo onde incluso non ten competencias" porque algunhas das informacións que dá conta "son datos que tería que dar a directora da Axencia de Turismo de Galicia" polo que o cualifican de "intromisión".
Os deputados populares solicitan tamén que a Deputación convoque unha reunión con todo o sector e os concellos "e se analice cal foi o motivo deste fracaso estrepitoso" coa intención de planificar con antelación o próximo ano en materia turística "e que estes erros non se repitan".
Relacionadas:
-
Carmela Silva: "Tentar acusar de falsidade a un cargo público paréceme escandaloso"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As Rías Baixas, a polo turista estranxeiro para consolidarse como referente
Por Alejandro Espiño |
-
A ocupación hoteleira na provincia baixou en xullo respecto a 2017 situándose nun 74%
Por Redacción |