Pontevedra acolle un curso de formación ao profesorado no tratamento de alumnos con TDAH
Por Redacción
A Fundación María José Jove e o Instituto Galego do TDAH (INGADA) impartirán en Pontevedra un curso de formación a profesores para o tratamento do alumnado con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).
As prazas para asistir ao curso son 50 e outorgaranse por rigorosa orde de inscrición. Esta pódese facer xa na plataforma de formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O curso forma parte dun programa de formación de ámbito autonómico impulsado por ambas as entidades desde fai cinco anos e que conta co respaldo da Consellería de Educación.
Ademais do presencial, que se impartirá nas sete cidades galegas, existe outro en liña para 100 persoas. En total, o obxectivo é formar a 450 docentes de toda Galicia.
Integramente gratuíto, o curso impartirase en outubro, concretamente os xoves 4, 11, 18 e 25 de outubro pola tarde no Centro de Formación e Recursos do Profesorado da Xunqueira, e diríxese a docentes de centros públicos e concertados de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e FP.
De 25 horas, combina formación teórica e práctica impartida por un equipo multidisciplinar formado por profesores, pedagogos, psicólogos, logopedas, expertos en aspectos clínicos e prevención que abordarán os fundamentos clínicos do trastorno, o manexo na aula ou as dificultades de lectura e escritura, entre outros.
Ao concluír, os asistentes aos cursos presenciais deben presentar un proxecto final para así poder optar a unha bolsa dotada con 3.000 euros, a cal permitirá ao autor desenvolver o proxecto no seu centro educativo. O obxectivo fundamental desta bolsa é que o aprendido sexa adaptable á realidade particular de cada centro.
O TDAH é un trastorno descoñecido en canto a metodoloxía pedagóxica e dificultades do alumno, tendo en conta ademais que é un trastorno que padecen 1 de cada 20 escolares e que constitúe unha das causas máis frecuentes de fracaso escolar. Por iso, o obxectivo deste curso non é outro que achegar aos profesores o coñecemento necesario sobre o TDAH para que poidan abordalo nas aulas da mellor maneira posible, facilitando o desenvolvemento dos alumnos e a súa integración.