Dous anos de prisión por estafar 60.000 euros nunha operación de compravenda dunha vivenda
Por Natalia Puga
A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenará coa súa conformidade un home acusado dun delito de estafa por obter 60.000 euros de dous interesados na compra dunha vivenda e, cando desistiron de adquirir a propiedade, non devolverllos.
O home sentou no banco dos acusados da Audiencia este martes tras alcanzar un acordo de conformidade coa Fiscalía e a acusación particular polo que tanto el como a empresa á que representa viron reducida a pena inicial á que se enfrontaban.
Finalmente, David Q.V. será condenado a dous anos de prisión -enfrontábase a catro e medio- e a sociedade ao pago dunha multa de 150.000 euros -pedíanlle 200.000- e a dous anos de inhabilitación para obter subvencións e axudas públicas. Ademais, ambos deberán pagar, en concepto de responsabilidade civil, 62.000 euros, 50.000 iniciais e 12.000 de intereses.
Tanto a acusación particular como o fiscal, Alejandro Pazos, manifestaron o seu respaldo a que se suspenda o ingreso en prisión do acusado, pero evitará estar entre reixas baixo condición de non delinquir durante catro anos e de que abone a responsabilidade civil nun prazo de dous meses.
A Fiscalía acúsao, en concreto, da súa actuación en relación coa compra dunha vivenda na Estrada. As vítimas desistiron da adquisición do piso tras pagar 60.000 euros, pero antes da data límite establecida no contrato, de modo que o acusado e a empresa deberían devolverlles o diñeiro adiantado ou entregarlle o inmoble e non fixeron nin unha cousa nin a outra.
A empresa tamén condenada dedícase á xestión e desenvolvemento de bolsas de chan, compravenda de inmobles e promoción de edificios. Tanto o procesado como a súa empresa, segundo o fiscal, enriquecéronse ilicitamente da operación de compravenda frustrada.