Prosagap critica que o Hospital Montecelo manteña pechadas camas en Traumatoloxía
Por Oskar Viéitez
O sindicato Prosagap cualificou como "lamentable" a situación que se está vivindo na unidade de traumatoloxía impar do Hospital Montecelo de Pontevedra.
Segundo explican, este servizo conta con 28 camas e, a día de hoxe, "tería que estar aberta e en funcionamento na súa totalidade" pero, tras o parón estival, "retomou a súa actividade con 12 das camas mentres hai parte de pacientes desta especialidade noutras unidades".
Prosagap sinala que o persoal designado pola dirección para atender a estes pacientes está formado por unha enfermeira e unha auxiliar de enfermería. Ao resto do persoal que viña realizando o seu labor na devandita unidade "estáselles ofrecendo a posibilidade de non ir ao traballo, collendo días libres á conta de horas anuais de traballo".
Aseguran que "de non aceptar librar, quedarían a disposición da dirección de enfermería para ser recolocados noutros servizos de ambos os hospitais pontevedreses".
Segundo este sindicato, esta situación "leva unha notable tensión para os traballadores, tendo que atender a outros pacientes cuxa patoloxía non é a habitual para estes profesionais de traumatoloxía, podendo supoñer un risco para o persoal e para o paciente, ademais da diminución na calidade asistencial".
Ademais, apuntan que se están a levar a cabo cirurxías de trauma "extra" pola tarde, o que se coñece como "peonadas". "Referímonos a operacións con ingreso que, de haber unha organización correcta, operaríanse nun parte ordinario e non como algo extra", indican.
Finalmente, desde Prosagap denuncian que "a derivación ao hospital privado non cesou" polo que instan os traballadores a "acudir ao seu posto de traballo segundo a súa quenda establecida e non deixarse intimidar" e animan aos usuarios a "que esixan o uso das camas públicas".
Relacionadas:
-
Unha enfermeira denuncia unha garda obrigada de 31 horas sen descanso no PAC de Bueu
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Piden medidas inmediatas ante a "masificación" do servizo de Urxencias de Montecelo
Por Redacción |
-
Nace Prosagap, a unión sindical de Prosagal e Sagap, coa intención de loitar polo persoal sanitario
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |