A policía advirte de que co inicio do curso escolar proliferan os bulos sobre delitos con nenos
Por Natalia Puga
Rara é a semana que non circula a través das redes sociais ou de grupos de WhatsApp unha noticia dun intento de secuestro dun neno nun parque, á porta dun colexio ou nun lugar no que practica unha actividade extraescolar. Algunhas delas son reais e acaban en denuncia e na detención e condena do autor ou autores, pero tanto a Policía Nacional como a Garda Civil e outros corpos de seguridade advirten de que en moitos casos trátase de bulos que sementan unha alarma sen fundamento na poboación.
Estes bulos reprodúcense na cidade de Pontevedra en termos e frecuencias similares aos doutras localidades do resto de España e este ano proliferaron coa chegada do curso escolar, segundo confirman desde a Comisaría da Policía Nacional. Este mes de setembro, de feito, xa teñen constancia de varios casos, un que empezou a difundirse xa o primeiro día de clase.
Entre os bulos (noticia falsa propagada con algún fin, segundo a defnición da Real Academia da Lingua Española) dos que teñen constancia na Comisaría Provincial figuran algúns que relatan intentos de secuestros a menores e outros relativos a malleiras. Todos eles chegaron a coñecemento da Policía Nacional porque empezaron a circular como a pólvora a través de publicacións en Facebook ou de grupos de WhatsApp.
Estas noticias falsas difundidas coa complicidade de moitos cidadáns que se dedican a compartir sen pararse a analizar a súa veracidade prexudican a investigación e credibilidade doutros casos que si son reais e teñen vítimas que sufriron situacións moi complicadas, dos que nas últimas semanas tamén houbo denuncias en Pontevedra.
En xeral, os bulos empezan a circular a toda velocidade, pero non consta denuncia por estes feitos ante as forzas de seguridade. Iso si, xeran gran alarma social que os corpos policiais piden que non se axude a propagar sen ter outras evidencias de que son reais.