O PP reprocha ao Concello de Poio que "leve tres meses" sen iniciar os trámites para desafectar A Chousa
Por Redacción
A desafectación da Praza da Chousa, en Combarro, ou máis ben a falta de tramitación para lograla, foi este mércores motivo de crítica pola formación local do Partido Popular.
O seu edil Tucho Muíños lamentou que o goberno local "non iniciase ningún trámite" nin levase algunha iniciativa respecto diso ao pleno municipal do mes de setembro.
Muíños sinalou que leva "tres meses esperando" que o Concello dea "algún paso" para iniciar o proceso e que a praza deixe de depender de Portos de Galicia e pase a ser de titularidade municipal, tempo transcorrido desde o inicio da reivindicación por parte da Asociación Armadiña.
Segundo o concelleiro do PP para o cambio de titularidade, o primeiro paso é que o Concello de Poio, mediante un acordo plenario, solicite formalmente dita desafectación a Portos de Galicia, cuxo presidente se mostrou disposto a levala a cabo.
De todos os xeitos, explica o Partido Popular, a lei non permitirá desafectar directamente A Chousa en favor do Concello, senón que a titularidade da praza pasaría a Costas do Estado, sendo necesario un último paso entre o goberno central e o local.
Ante esta situación o PP anuncia que presentará no próximo pleno unha iniciativa para comezar o proceso de desafectación, cunha moción para instar ao Concello de Poio a solicitalo formalmente.