Dous dos 26 detidos na 'Operación Clavao' no poboado chabolista do Vao xa están en prisión
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
En outubro de 2017 comezaba a 'Operación Clavao' contra o tráfico de drogas a raíz do seguimento que axentes da Garda Civil realizaron a unhas persoas que se achegaban ata o poboado do Vao (Poio) para abastecerse de droga.
A partir dese momento, segundo manifestaba este xoves o coronel xefe da Garda Civil de Pontevedra, Jorge González, desenvolvéronse diferentes intervencións con presenza das forzas de seguridade tanto uniformadas como de paisano na zona cun amplo dispositivo de medios técnicos, a través dos que se lograron diferentes probas que permitiron os xulgados autorizar os rexistros e levar a cabo as intervencións deste mércores coa desarticulación de catro clans que presuntamente se dedicaban ao tráfico de drogas.
Segundo manifestou Jorge González, os catro clans repartíanse o traballo por quendas. Un clan realizaba as vendas durante unha semana mentres os outros se mantiñan inactivos e así ían substituíndose.
Isto provocou que os axentes da Garda Civil tivesen que desenvolver un traballo "arduo e laborioso" que culminaba coa detención de, ata o momento, 26 persoas - as dúas últimas durante a xornada deste xoves - e o comiso de droga e material procedente de roubos. Dos detidos durante a xornada do mércores, 11 foron postos en liberdade tras declarar en sede policial, outros 11 están á espera de pasar este venres a disposición xudicial e dous xa ingresaron en prisión porque se atopaban en busca e captura.
O coronel xefe sinalaba que era unha das operacións máis contundentes realizadas no Vao ata o punto de que os integrantes dos clans dicían "Huy, esta vez venís muchos más". González indicou que aínda continúa aberta a operación á espera de realizar máis detencións de cidadáns vinculados á venda de substancias estupefacientes na zona.
O Vao é, segundo o responsable da Garda Civil, o punto principal de venda de droga da comarca e neste mesmo ano abríronse máis de 250 actas de denuncia por incautación de diversas doses no poboado. Neste sentido, indicou que se teme que aqueles detidos que non ingresen en prisión continúen coa súa actividade de venda de droga. Por este motivo, manterán a vixilancia nesta contorna.
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, que acudía ata as instalacións da comandancia a agradecer o traballo desenvolvido neste operativo, indicaba que esta actuación reforza a confianza nos corpos e forzas de seguridade do Estado. Ademais, apuntou a seguir impulsando políticas de prevención. "No podemos meternos en la cabeza de los narcotraficantes y hacerles un lavado de cerebro para que no continúe sucediendo", afirmou Larriba.
Entre o material incautado atopábanse, ademais de heroína e cocaína, armas, unha motosierra, patinetes eléctricos, diferentes materiais de vídeo e audio, ademais de 170 billetes de lotería, que mostran a afección que os detidos teñen ás actividades relacionadas co xogo, segundo apuntaron a subdelegada e o coronel xefe.
No operativo participaron preto de 100 efectivos dos GRS número 7 de Pontevedra, USECIC da Comandancia de Pontevedra, Servizo Cinolóxico da Comandancia de Pontevedra, Servizo Aéreo da Coruña, efectivos da Unidade Orgánica de Policía Xudicial, persoal da Terceira Compañía de Pontevedra e OPC da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.
A subdelegada destacou a intervención de 'Lúa', unha cadela do servizo cinolóxico que tivo unha actuación destacada no operativo.
Relacionadas:
-
Cinco detidos nunha nova redada contra o trapicheo de drogas no Vao
Por Natalia Puga |
-
A última macro redada no Vao, un éxito que levou a prisión aos líderes de catro clans
Por Natalia Puga |
-
Dez dos 26 detidos na macro redada contra catro clans de droga do Vao xa están en prisión
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- A Garda Civil detén 23 persoas nunha operación antidroga no poboado do Vao
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada