O PSOE contrapón a mobilización de obras do centro de Pontevedra co "abandono" da periferia
Por Oskar Viéitez
Os socialistas reclaman "moita maior atención para os barrios e a periferia" onde os veciños "viven esquecidos do goberno, coma se fosen cidadáns de segunda", unha circunstancia que cualifican de "insoportable" e "intolerable".
O portavoz do PSOE, Tino Fernández, anunciou a presentación de escritos para esixir unha actuación "inmediata e integral" nalgúns deses barrios "esquecidos".
"A rúa Torre está en Lérez. Dígoo porque polo seu estado de abandono, o goberno municipal non parece saber onde está", dixo con retranca Tino Fernández, tras visitar o lugar acompañado de varios veciños.
Esta rúa, que discorre paralela a Juan Bautista Andrade, e que tamén permite acceder ao campus universitario e ás zonas deportivas da Xunqueira, soporta un importante volume de tráfico, porque moitos condutores utilízana como atallo. "Apenas hai beirarrúas e os vehículos circulan a excesiva velocidade. Este é un lugar claro no que se deben instalar reductores de velocidade, porque calquera día temos un susto", comentou Tino Fernández.
No seu percorrido pola rúa os socialistas puideron comprobar que o estado do firme "deixa moito que desexar", nalgunhas zonas onde está "bombeado" e noutras atópase "totalmente desfeito" polo que apuntan que "é necesaria unha actuación integral para melloralo".
Ademais carece de recollida de pluviais, hai parcelas cheas de maleza e non dispón de contedores de papel, plástico ou vidro, estando os verdes "sucios e nun estado moi mellorable".
O portavoz do PSOE mostrouse enfadado co goberno do BNG. "vemos estes días como despois de tres anos sen facer nada, o goberno activou unha especie de mobilización de asfaltado no centro da cidade. E se un desprázase a 10 minutos dese centro e atópase con este panorama. Parece que o alcalde decidiu gobernar pensando nos votos máis que nas persoas".