Maica Larriba coñece de primeira man o traballo de Amizade e destaca o seu "compromiso moral"
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, coñeceu este xoves o traballo de Amizade, colectivo pontevedrés que forma parte de Cogami, e, despois de falar con usuarios e traballadores, agradeceu o traballo destes últimos e o cariño con que desenvolven as súas tarefas diarias.
Larriba visitou as instalacións de Amizade no barrio de Monte Porreiro para cumprir o compromiso que adquirira con responsables da entidade nunha entrevista previa.
A subdelegada realizou un percorrido polas instalacións e dixo, dirixíndose aos traballadores: "Ides moito máis alá do voso traballo. Tendes un compromiso moral coas persoas que teñen unha diversidade funcional tratando de incorporalas a nosa sociedade como cidadáns de pleno dereito".
Ademais, recordou que a Lei de Dependencia foi un gran paso para a autonomía persoal e a integración das persoas con diversidade funcional, pero quedou "amplamente segada cos recortes do anterior Goberno". Insistiu, ademais, no compromiso do Goberno de Pedro Sánchez de recuperala nos próximos anos e o da ministra de Sanidade e Servizos Sociais de recuperar a cotización a Seguridade Social das persoas coidadoras de dependentes.
Nas instalacións de Cogami en Monte Porreiro préstase servizo a 17 persoas con diversidade funcional e traballan dez persoas entre terapeutas, psicólogos e outro persoal. Contan con aulas para informática, sala de fisioterapia e unha zona para os talleres de estimulación.
Relacionadas:
-
O Concello asina novos convenios con Rexurdir, Amencer-Aspace, Amizade e Alba
Por Redacción |
-
As oficinas de Consumo abrirán en decembro na sede da Xunta en Campolongo
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Reteñen media hora un autobús de Alsa por imposibilitar a viaxe dun mozo que emprega cadeira de rodas
Por Anxo Lourido |