Axudas á rehabilitación, a oportunidade de vivir nun lugar mellor
Por Redacción
Un dos maiores valores da provincia e a cidade de Pontevedra é o seu patrimonio arquitectónico, que en moitos casos, necesita ser recuperado e posto en valor mediante obras de rehabilitación. Cada cidadán que decide iniciar a reforma da súa vivenda traballa para mellorar as súas condicións de vida e, ao mesmo tempo, contribuíndo a mellorar o seu entorno.
As axudas á rehabilitación da Xunta de Galicia son unha valiosa oportunidade para facer mellor o lugar no que vivimos, que cómpre aproveitar. Especialmente, sono as subvencións que se convocan a través das Áreas de Rehabilitación Integral, unha ferramenta que permite que as cidades e vilas avancen na recuperación dos seus barrios de forma ordenada e planificada, para un maior rendemento social dos investimentos.
Acabamos de saber que a cidade de Pontevedra dispón este ano de máis de 2 millóns de euros da Administración autonómica para subvencionar as obras de rehabilitación e rexeneración urbana nas áreas de rehabilitación integral.
Tamén na comarca de Pontevedra, os concellos de Marín e Poio disporán en total de 1,4 millóns de euros para destinar a axudas aos seus veciños interesados en reformar as súas vivendas.
Unha vez que estes concellos asinen os correspondentes convenios coa Xunta e o Ministerio de Fomento, poderán optar a estas axudas os propietarios de edificios de vivendas ou de vivendas individuais, as comunidades de propietarios e as súas agrupacións, os consorcios e os entes asociativos de xestión.
O importe das axudas chega ata cubrir o 40% do custo das obras. Este límite poderá alcanzar o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia sexan inferiores a tres veces o IPREM, cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou se acredite que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.
A achega máxima da axuda estatal por vivenda será de 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación; 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida; 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou construída para as actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano; 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de 3 anos; e 1.000 euros para os concellos por vivenda rehabilitada ou construída, para financiar a xestión e os equipos e oficinas de planeamento, información, xestión e acompañamento social.
Cómpre destacar que as axudas incrementaranse nun 25% cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.
No conxunto da comunidade, a Xunta de Galicia destinará este ano ás áreas de rehabilitación integral un total de 17.915.000 euros, dos que 13,13 millóns son achegados polo Ministerio de Fomento e 4,78 millóns polo Instituto Galego da Vivenda e Solo. Estes fondos repártense entre todos os concellos con ARI declaradas que o solicitaron despois da convocatoria publicada polo IGVS no pasado mes de agosto.
Un total de 35 concellos, dos 41 que contan con Área de Rehabilitación Integral, solicitaron a asignación de fondos para 54 barrios dos 69 catalogados como tal.
Tamén poderán beneficiarse das axudas os propios concellos para actuacións de urbanización do ámbito das Áreas de Rehabilitación Integral e para as oficinas municipais de rehabilitación, que tamén serán financiadas pola Xunta.