Marín investirá 31.000 euros en sinalizar a nova 'Ruta de Monte e Praias'
Por Redacción
O Concello de Marín investirá 31.422,73 euros en sinalizar a nova ruta de sendeirismo que está a preparar no municipio, a denominada Ruta de Monte e Praias, un percorrido circular de 25 quilómetros que se poderá acurtar a 13 e será alcanzable para todos os públicos.
Os fondos proceden dunha subvención da Axencia de Turismo de Galicia e servirán para realizar traballos de sinalización de cara a garantir a correcta orientación dos camiñantes. Instalaranse paneis co mapa e características da ruta no comezo e en distintos puntos de mesma.
No punto de mellor dominio visual, situado en Pastoriza, situarase unha mesa que permita identificar e interpretar a paisaxe contemplada e nas zonas más naturais haberá balizas orientativas, con deseños interpretativos de flora, fauna e patrimonio.
Nos lugares da ruta situados nas proximidades de vías de comuniciacón propia, instalaranse sinais de estrada para que sexa máis accesibles para os condutores.
A maiores, editaranse 6.000 folletos, a metade en galego e a outra metade en castelán, para unha mellor guía polo sendeiro e divulgación do mesmo.
Ademáis, todos os paneis e folletos empregados usaran códigos QR, referenciando a páxina web do Concello, onde será colgada información ampliable de cada elemento.
Esta nova vía de sendeirismo percorrerá o Monte Penizas, os muíños do río Loira, o banco de Pastoriza, o castelo de Ardán e todo o litoral desde a praia do Santo ata o centro urbano.