Ponte Caldelas pon fin ao "illamento" de varias vivendas de Parada
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas rematou as obras de construción dun novo camiño interior de comunicación no barrio da Portela, no núcleo de Parada, poñendo así fin o illamento de dúas vivendas e facilitando a rehabilitación dunha terceira.
O camiño do Chan da Grela, como é coñecido pola veciñanza, ten un trazado de 200 metros. Comunica tamén a pista principal do barrio da Portela cunha corredoira empedrada que sae á estrada xeral. Ademais, dá servizo a un bo número de veigas existentes nesta zona.
O Concello, unha vez rematada esta complexa obra, reparará agora as fochancas que existen no camiño da Portela, que remata noutras dúas vivendas.
A colaboración veciñal foi crucial para sacar esta obra adiante. A veciñanza non só cedeu os terreos necesarios para a ampliación, senón que negociou o subministro de pedra para o necesario muro de contención e mesmo achegou parte do material.
O formigonado final da superficie puxo o punto final a unha mellora que significa un antes e un despois. O camiño de terra orixinal, de apenas un metro e medio, deu paso a unha pista que alcanza nalgúns puntos case cinco metros, permitindo folgadamente o paso de dous vehículos.