A peaxe entre Pontevedra e Vigo sobe a 3,75 euros e a Santiago, 5,60 euros
Por Oskar Viéitez
Desde esta medianoite viaxar pola Autoestrada do Atlántico é un pouco máis caro, concretamente un 2%. Cando conclúa este ano as peaxes galegas acumularán unha subida do 8%.
Deste xeito, percorrer toda a autoestrada entre Ferrol e Tui custa para os vehículos lixeiros 0,40 euros máis, 20,80 en total.
Un dos tramos que máis sobe é o comprendido entre Pontevedra e Santiago que se incrementa ata alcanzar os 5,60 euros (+0,15) e a peaxe entre Pontevedra e Vigo pasa a 3,75 euros (+0,10).
O Ministerio de Fomento xustifícase dicindo que se limitou a executar as compensacións pactadas coa concesionaria polos ministros Pepe Blanco e Ana Pastor.
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) cualificou de "despropósito" o incremento e acusou ao Goberno de "claudicar aos intereses" de Audasa.