O BNG alerta do "perigoso" abandono da AP-9 ao seu paso por Pontevedra
Por Redacción
Que a Xunta reclame ao Goberno e á empresa Audasa unha maior atención no mantemento da AP-9 no ámbito de Pontevedra. É o obxectivo da iniciativa parlamentaria que o BNG vén de presentar na cámara galega, alertando do "perigoso" estado na que se atopa a autoestrada.
Para os nacionalistas é "extremadamente grave" o estado do alumeado entre a peaxe de Alba e a ponte da ría, treito no que os farois levan meses apagados e presentan un "notorio estado de desleixo".
O deputado Luis Bará recorda que logo de pasar a peaxe en dirección Pontevedra e Vigo, o estreitamento da calzada é "moi perigoso pola noite" e cando a visibilidade se ve reducida pola choiva. Así, recorda que non hai luz na saída norte da autoestrada e no resto, ata a saída cara Marín e Ourense, hai moitos farois avariados e sen o correspondente mantemento.
A estes problemas, o BNG suma a "deficiente" conservación e mantemento das zonas verdes dos noiros ou das marxes e viais de acceso e saída, que están "invadidas de maleza".
Tamén denuncian a ausencia de barreiras de protección acústica naquelas zonas en que a autoestrada discorre nas proximidades de zonas habitadas, como é o caso das parroquias de Alba ou Campañó e nas zonas de O Vao, A Barca, Mollavao ou Salcedo.
Esta situación, segundo Bará, ten que ver coa redución por parte da concesionaria dos custos de persoal, ao recortar case cen postos de traballo nos últimos dez anos, ou mantemento, "mentres que soben os beneficios polo incremento abusivo das peaxes".
Isto supón que "se poña en risco" a seguridade das persoas usuarias e afecte "negativamente" á calidade de vida das persoas residentes na contorna da AP-9.
Relacionadas:
-
O BNG reitera a necesidade de transferencia da AP-9 para rematar coa "tomadura de pelo" a Galicia
Por Redacción |
-
Lores cre que a demanda da Fiscalía contra Audasa "chega tarde"
Por Oskar Viéitez |
-
A peaxe entre Pontevedra e Vigo sobe a 3,75 euros e a Santiago, 5,60 euros
Por Oskar Viéitez |
-
A peaxe da AP-9, polas nubes: subirá outro 2% polas obras de Rande
Por Alejandro Espiño |