Noites Abertas prepara unha festa final para un ano que pecha con máis de 4.000 participantes
Por Redacción
Unha valoración "moi positiva" fan desde o Concello de Pontevedra da XIV edición do programa Noites Abertas. Durante as trece fins de semana que durou este ano, tres menos que na edición pasada, participaron 4.118 persoas. Son catrocentas máis que en 2012, cando pasaron polas súas actividades 3.702 participantes. Así o desvelou o concelleiro de Xuventude, Demetrio González.
O grupo maioritario de participantes pertence ao segmento de idade comprendido entre 17 e 25 anos, algo "dificilísimo para calquera que desenvolve políticas de xuventude", segundo o edil nacionalista. Entende que este logro, que garante unha substitución xeneracional en Noites Abertas "despois dunha etapa á baixa", débese ás numerosas visitas realizadas a centros escolares para presentarlles directamente esta programación.
Ademais das actividades nas que tradicionalmente hai máis participantes como Fútbol 7 ou as clases de baile, Demetrio Gómez destacou a gran acollida que tiveron actividades máis alternativas como o tiro con arco, os cursos de cociña, de perfumes vexetais ou de reciclaxe creativa e o coidado de hortas en balcóns. "Funcionan porque son os propios mozos os que propoñen as actividades".
Para celebrar este éxito, Noites Abertas está preparando unha festa final que terá lugar o sábado 25 de maio, a partir das 16.30 horas, na Praza de Curros Enríquez. Haberá exhibicións de danza, batukada, bailes latinos, malabares ou maxia. Ademais, realizarase un 'Harlem shake' colectivo "o primeiro con música en directo" e diferentes proxeccións audiovisuais.
A festa completarase cos concertos, desde as 17.00 horas, de Gonzalo Arca, gañador do premio do público no Fest2013 do Local de Música, que estará acompañado dos grupos Voltage, Skirl, La casa de los ingleses, Nagai, DJ Attention Whore e Sho Kenke.