Ponte Caldelas completa a mellora de todos os parques infantís urbanos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
As obras de renovación dos catro parques infantís urbanos de Ponte Caldelas quedaron completadas esta semana para satisfacción dos máis cativos, que xa están a gozar dunha rede de áreas de xogo modernas e dotadas con elementos da máxima calidade e cos máximos requisitos de seguridade.
O Concello investiu un total de 33.862,61 euros nas obras dos parques da praza de Frei Antonio Orge (gardería-ludoteca), do paseo da Calzada e o do edificio Sol (detrás do Froiz).
As obras foron realizadas pola empresa Ingeniería y Construcciones Piñeiro S.L.U., que gañou o concurso municipal sobre outras 14 empresas especializadas de toda España. O tipo de licitación foi de 48.599,65 euros, polo que a actuación foi adxudicada cun aforro para as arcas públicas dun 30,5%.
O goberno tripartito caldelán cumpre así o obxectivo de dispor de tódolos parques infantís urbanos en perfectas condicións, toda vez que o parque central xa foi reconstruído completamente en 2016 para dotalo de elementos tan atractivos como unha tirolina. Agora, aproveitando a mellora dos outros tres parques, foi reforzado tamén cun novo elemento multixogo.
Ao mesmo tempo, o Concello está rematando a reparación integral dos preto de 40 parques infantís espallados polos núcleos do rural, acabando coa falta de mantemento que se viña arrastrando dende hai anos.
O parque da praza Frei Antonio Orge foi dotado de céspede artificial e de novos columpios. O elemento central é agora un multixogo tipo barco con accesos laterais e tobogán. Tamén se instalaron balancíns e se repuxo a area da zona superior. Nos próximos días serán reparados todos os pequenos muros que delimitan este espazo, moi utilizado polo alumnado da gardería e a ludoteca.
O parque do paseo da Calzada, pola súa banda, foi dotado dun caixón de area. O seu elemento protagonista é agora un multixogo en forma de formiga vermella (ao igual que o parque central). Tamén se instalaron balancíns, un peche de madeira, dous bancos e dúas papeleiras resistentes ao sol.
Finalmente, o parque do edificio Sol viu tamén renovada a area e foi mellorado coa instalación duns novos columpios e un balancín.