Queren que se comprobe se a dirección de Mongasa actuou con "alevosía" antes da liquidación concursal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Mongasa é unha empresa pontevedresa da construción, especializada no emprego de materiais de ferro na instalación de pontes.
Actualmente atópase en situación de liquidación concursal e cun expediente de regulación de emprego extintivo (ERE) para todo o persoal, que chega á vintena de traballadores, cunha media de 30 anos na empresa. Nos mellores momentos desta entidade chegaron a ser 40 empregados, pero desde 2015 presentaron tres ERES consecutivos ata a actualidade, cando xa deixou de ter actividade.
Xaquín Agulla, representante do sindicato CIG, acompañado por varios traballadores de Mongasa, denunciaba este xoves que a dirección entrara en preconcurso sen comunicarllo á comisión do ERE suspensivo e entende que está cometendo unha fraude de lei ao non ofrecer información económica.
Na primeira xuntanza co administrador concursal se lle propuña aos empregados asinar "a cegas" un acta de acordo para extinguir os contratos de traballo coa indemnización mínima, de 20 días por ano. Pero o sindicato e os traballadores queren saber cal é a posición económica da empresa e saber que situación societaria atravesa e facilitar esa información ao xulgado do Mercantil. Entenden que non se poden suspender as relacións laborais antes de que o administrador concursal elabore o informe, para o que ten un mes de elaboración.
Desde a CIG reclaman rigor e documentación ao administrador concursal para coñecer se a xerencia de Mongasa se actuou con "alevosía". Reclaman garantías procesais. A maioría do plantel esgotou a meirande parte do paro por tentar "facerlle un favor á empresa", indicaba Agulla.
"Vamos a ser duros se é necesario", apuntaba o representante sindical, en referencia a reclamar xuridicamente os seus dereitos ante o administrador concursal e ante a empresa.
Agulla afirma que existen operacións realizadas por empresas con denominacións similares a Mongasa, vencelladas en razón de socios, en Portugal realizando traballos do mesmo tipo que as que realizaba a entidade pontevedresa.
"Creo que o trato que tiña que dar a empresa debería ser outro", apuntou o representante da CIG que pide ao administrador concursal que revise se hai algunha relación como grupo de empresa desta sociedade en traballos que se están desenvolvendo no sector.