A Xunta inaugura en Cotobade o Centro de Recuperación de Fauna Silvestre
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, avanzou este mércores que a comezos do vindeiro ano se licitarán as obras da segunda fase do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cotobade.
A conselleira fixo este anuncio durante a súa visita para "inaugurar este complexo medioambiental" logo do remate das obras relativas á primeira fase, nas que a Xunta investiu preto de 500.000 euros.
Con este investimento adecuouse un edificio que xa existía, para a recepción dos animais e a súa atención veterinaria; e construíuse un novo edificio destinado á recuperación dos animais e á súa preparación para devolvelos á súa contorna.
Ángeles Vázquez conclúe que, ao termo das obras, contarase cun centro de recuperación punteiro, coa tecnoloxía e cos medios máis avanzados.
Tamén sinalou que as obras da primeira fase permiten recrear o ambiente natural nas cámaras de voo, de mamíferos e de aves nocturnas.
As obras da segunda fase incluirán a construción dun túnel de voo de case 300 metros para a recuperación de aves, así como unha zona de piscinas para as aves acuáticas.