Tres actuacións musicais integran o "Decembro Solidario" de Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas xa ultimou a programación do seu "Decembro Solidario", que este ano consistirá en tres concertos no local da discoteca nos que a entrada consistirá na doazón de alimentos con fins benéficos.
A programación inclúe así o Festival do Quilo Solidario, que se celebrará o sábado 1 de decembro. Volverá contar coa organización dos Coribantes de Buchabade e chega á súa décima edición.
O grupo local, que realiza habitualmente xiras por festivais, ofrecerá parte do seu último repertorio. Os alimentos que se recaden seguirán entregándose a Cáritas e aos servizos sociais municipais.
O día 15 chegará o Festival dos Catro Ventos, que por primeira vez se organiza en Ponte Caldelas e que conta con algúns antecedentes fóra da localidade.
O último evento musical solidario será o sábado, día 22, e será unha homenaxe aos grupos locais de música tradicional.
Con este novo formato pasarán polo escenario da discoteca As Pandereteiras de Chaín, Pandereteiras de Regodobargo, Os Acordeóns de Chaín, Pandereteiras de Silvoso, Os Xeitosos da Insua, Airiños de Ponte Caldelas, Aires da Fracha, Aires del Norte y Olé, Os Contentos e Laranxada de Limón. Queda tan só por confirmar a presenza de O Torreiro de Forzáns.
Os alimentos que se recaden serán asignados polos Servizos Sociais do Concello a familias en risco de exclusión ou a entidades benéficas.